Aumentan as temperaturas nas Rías Baixas durante os últimos días de xuño
Por Redacción
Subirán as temperaturas nestes últimos días do mes de xuño grazas ás altas presións que entran durante este luns en forma de cuña sobre Galicia. Esta presenza trae estabilidade e achega aire cálido desde o sur. Ao longo do día iranse retirando as nubes deixando ceos despexados en xeral, segundo as previsións facilitadas polo servizo de Meteogalicia.
As temperaturas mínimas manteranse sobre os 16 graos mentres que as máximas ascenden entre lixeira e moderadamente establecéndose ao redor dos 28 graos, recuperando os valores propios desta época do ano. Os ventos soprarán frouxos de compoñente norte, con intervalos de moderado no litoral ao longo da tarde.
O martes 30, as Rías Baixas situaranse entre as altas presións que entran desde o norte da península Ibérica e unha baixa relativa sobre o interior peninsular. Os ceos permanecerán pouco nubrados ou despexados, con posibilidade de que ao longo da tarde prodúzanse chuvascos de tipo tormentosos no sueste de Galicia. As temperaturas situaranse entre os 13 e os 29 graos, con vento de compoñente norte, máis intenso nas Rías Baixas durante a tarde.
O mércores 1 de xullo, Galicia continuará nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións, co paso dunha fronte pouco activa. Os ceos continuarán cubertos en xeral con precipitacións débiles na franxa atlántica. As temperaturas mínimas manteranse sobre os 14 graos mentres que as máximas experimentarán entre un moderado a notable descenso establecéndose en 23 graos.
A partir do xoves, os ceos manteranse despexados con temperaturas que volverán aumentar a medida que se achegue a fin de semana chegando aos 28 graos.