Numerosa marcha no Grove en demanda dunha solución para a conserveira Thenaisie Provoté
Por Redacción
Máis de 3.000 persoas percorreron durante este domingo 28 as rúas do municipio do Grove desde as instalacións da conserveira Thenaisie Provoté, en Rons, ata a praza do Corgo.
As persoas participantes na marcha, convocada polo comité de empresa e polos sindicatos CC.OO. e CIG, demandan da Xunta de Galicia unha solución para salvar 125 postos de traballo directos e máis de 200 indirectos que xera esta histórica conserveira, que agora pertence ao grupo Scandia Food.
Existe unha oferta de compra por parte dun industrial vigués, que os actuais propietarios rexeitaron e, por este motivo, os manifestantes demandan a intervención da administración autonómica a través das Consellerías do Mar e de Industria para atopar unha solución a estas negociacións de maneira que permitan garantir o futuro desta empresa.
Este mércores 1 de xullo está prevista unha reunión en Santiago entre cargos da Xunta e os representantes dos traballadores. Se non se atopa unha solución, o vindeiro domingo volverá celebrarse unha nova marcha, segundo anuncian os sindicatos. Á marcha asistiu o alcalde do Grove José Cacabelos, así como representantes do PsdeG, PP, Bloque e de Galicia en Común.