Comisan 234 quilos de centola en veda a furtivos do porto de Cambados
Por Redacción
A centola está en época de veda na provincia de Pontevedra ata o vindeiro 4 de novembro. A pesares de tal circunstancia, o Servizo de Gardacostas de Galicia localizou este mércores 234 quilos deste marisco no Porto de Cambados.
O crustaceo foi decomisado e os responsables da súa extracción, identificados como furtivos. ÿ o resultado dun operativo realizado de forma conxunta entre axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia e a Policía Autonómica.
A Consellería do Medio Rural e do Mar lembra que neste momento este crustáceo está en veda e permanecerá prohibida a súa extracción ata o vindeiro 4 de novembro nas provincias da Coruña e Pontevedra e ata o 2 de decembro na provincia de Lugo.
Aproveita a Administración autonómica para lembrar á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso pide ao consumidor que non compre produto fóra dos cauces legais de comercialización.
O Servizo de Gardacostas e a Policía Autonómica tamén realizaron nos últimos días outra actuación na Ría de Arousa. Na zona do porto de Meloxo do Grove, os gardacostas incautaron unha planadora e no Bodión, en Boiro, os axentes identificaron a 3 persoas que estaban mariscando de xeito ilegal e requisáronlles 2 quilos de ameixa babosa e 1 sacho.
A maiores, na zona da Landeira, tamén en Boiro, os inspectores da Xunta identificaron a outras catro persoas que estaban exercendo a actividade furtiva.