Víctor Loira será o pregoeiro das Festas do Carme de Marín
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Marín quenta motores para unhas Festas do Carme atípicas. As celebracións estarán centradas na dinamización cultural de pequeno formato e cunha aposta polo local e pola diversificación de espazos. As concelleiras encargas da área de festas, Marián Sanmartín e Raquel Soage, fixeron público este venres o nome do pregoeiro e o cartel.
O encargado de abrir as festas, que comezarán o sábado 11 de xullo no Parque Eguren, será Víctor Loira. O marinense é un dos directivos da asociación ASSEII (Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomías) e leva anos loitando pola visibilización destas patoloxías.
O seu Crohn non lle impediu percorrer 1.320 quilómetros por Galicia en bicicleta e patinete, visitando cada unha das áreas sanitarias da comunidade para solicitar melloras na adaptación de baños para os ostomizados e reclamando outra serie de necesidades para aqueles que padecen algún tipo de enfermidade inflamatoria intestinal.
"Xa pensaramos nel para ser pregoeiro", asegurou Sanmartín, "pero consideramos que este ano non pode ser unha elección mellor, pola situación que estamos a vivir e pola enorme sensibilidade que alguén como Víctor ten en relación coa sanidade e coa enfermidade".
No Parque Eguren habilitarase un espazo que poderá albergar sentadas a preto de 400 persoas. A programación das festas non será tampouco a habitual para estes casos, senón que será máis un programa repartido nas distintas prazas e rúas da vila, con actividades simultáneas para diversificar ao público e evitar posibles multitudes.
O programa incluirá tamén unha feira de artesanía e un certame de bandas.
O cartel deste ano, elaborado de maneira exclusiva pola ilustradora Abi Castelo, ten representada a Virxe do Carme e o neno. Trátase dunha obra que mestura a tradición mariñeira e floreira destas festas.