A Festa do Marisco do Grove suma preto de 650.000 euros de perda nos últimos 16 anos
Por Redacción
A cifra resulta escandalosa nestes tempos de crise. En 16 anos, a organización da Festa do Marisco levou consigo perdas por valor de 649.633,11 euros, segundo os datos facilitados polo concello do Grove.
Só no ano 2012, as perdas ascenderon a 88.943,85 euros. Dende 1996, soamente as edicións de 1999 e 2009 xeraron beneficios e, segundo o concello do Grove, débese á obtención de importantes subvencións procedentes doutras administracións como a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia. Na edición de 2009, a Festa do Marisco obtivo a meirande subvención dada a unha edición por importe de 137.999 euros procedente da Xunta de Galicia que axudou a compensar o déficit obtido ese ano.
Ante esta situación, o Goberno Local, a través do seu alcalde Miguel Ángel Pérez, anuncia que vai levar a cabo dentro dunha política de contención de custos un recorte de gastos pero intentando manter a Festa do Marisco do Grove como "o mellor evento gastronómico de España". Para iso, apuntan dende o Concello, solicitouse o recoñecemento como Festa de Interese Turístico Internacional e emprendeuse a senda da súa comercialización en mercados emerxentes, como a recente presentación realizada en Alemaña.
Este ano, a festa chega ao seu 50 aniversario.