Medio Ambiente potenciará o litoral de Cambados e Ribadumia con actuacións en zonas de Rede Natura
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas potenciará o litoral da comarca dos concellos de Cambados e Ribadumia con dúas novas actuacións en sendas e camiños en zona de Rede Natura. En Cambados acondicionarase a senda fluvial do río Umia e en Ribadumia executarase a limpeza de pistas e camiños na zona intermareal na zona de Sisan.
Estas dúas accións suman un importe de 40.000 euros, segundo informou o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, este martes nunha visita para supervisar os traballos executados para definir un sendeiro peonil autoguiado de cinco quilómetros de lonxitude, que discorre polo litoral da parroquia cambadesa de Castrelo, entre os lugares de Bico da Ran e Punta Arfolín.
Esta actuación implicou un investimento de 256.355 euros e trátase nun conxunto de pasarelas con 16 indicadores e dous paneis interpretativos que conforman unha infraestrutura de uso público dentro do Lugar de Interese Comunitario (LIC) Ons O Grove, considerado humidal protexido. O conselleiro sinalou que grazas a esta actuación fanse transitables puntos nos que o acceso non era posible, ao tempo que se recupera e revitaliza esta zona.
O conselleiro destacou o esforzo que o seu departamento está a facer pola recuperación e mellora dos contornos fluviais, xa que a estas actuacións hai que engadir a restauración das marxes e itinerario fluvial no río Umia, ao seu paso polos concellos de Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa, que finalizou a principios de ano.
Hernández anunciou que Medio Ambiente prevé licitar as obras do saneamento integral do Saco de Fefiñáns, no Concello de Cambados, ao longo deste mes de agosto. Trátase dunha actuación que implica un investimento de 1.135.495 euros e cuxo prazo de execución se estima dun ano.
Agustín Hernández supervisa o inicio das obras de mellora da ponte do río Armeteira
Os traballos que se van executar permitirán a eliminación de todas as verteduras de augas residuais que se están a efectuar por parte dun conxunto de vivendas non conectadas á rede de saneamento municipal, que verten directamente ao Saco ou ben ao río Corvillón.
O conselleiro tamén supervisou as obras de mellora da ponte sobre o río Armenteira en Ribadumia, concretamente na estrada que une a localidade pontevedresa de Barrantes con Vilariño (CP-9506). O proxecto, cuxas obras se iniciaron este martes, permitirán rehabilitar a ponte, aumentando a súa luz de 10 a 20 metros.
A nova obra evitará que a ponte constitúa un obstáculo ao paso da auga nas crecidas do río. Ao mesmo tempo, esta intervención urxente contribuirá a evitar que a auga incida sobre a súa estrutura.
Os traballos centraranse na reconstrución da ponte e para realizar esta actuación prevese unha inversión de case 240.000 euros, que axudarán ademais a continuar a senda peonil para enlazar co futuro paseo desde a ponte de Barrantes ata a desembocadura do río Umia.