Un traballador resulta ferido de consideración en Vilagarcía de Arousa ao cortarse cunha máquina
Por Redacción
Un operario que traballaba nunha nave do Polígono de Bamio, no municipio de Vilagarcía de Arousa, precisaba asistencia sanitaria este martes ao sufrir un importante corte cunha máquina que manexaba.
Segundo a información facilitada polo servizo de Emerxencias do 112 Galicia, o incidente rexistrábase minutos antes das 14.45 horas. Un particular alertaba aos efectivos do 112 Galicia do suceso. Desde a base solicitábase a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizaba un helicóptero medicalizado, malia que finalmente se suspendía o traslado, segundo o servizo de emerxencias.
Tamén se alertaba á Policía Nacional e á Local, ademais de avisar os integrantes do Servizo Municipal de Protección Civil de Vilagarcía de Arousa. Segundo indican desde o 112 Galicia, os danos sufridos polo home foron de consideración.