"Máis soldos, máis asesores e máis alcaldes" é o balance que fai o PP de Poio do ano de goberno do tripartito
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do PP de Poio fixo balance este venres do primeiro ano de goberno do tripartito con "máis soldos, máis asesores e máis alcaldes" pero no que o municipio, según aseguraron, "continúa cos mesmos problemas".
Os oito concelleiros do PP din que están facendo "unha oposición construtiva, responsable e á que acoden os vecinos cando necesitan resolver un problema ou trasladar as súas inquedanzas", xa que o goberno está "desganado e desaparecido".
O portavoz municipal do PP de Poio, Ángel Moldes subliña que BNG, PSOE e Avante "incumpriron todos os puntos do pacto de perdedores" que asinaron para formar goberno. "Nin coordinación, nin participación, nin transparencia nin moito menos xestión racional dos recursos municipais", afirmou.
Moldes reafírmase en que en Poio hai "tres alcaldes", e explica que "non é unha cuestión económica senón que hai 3 gobernos distintos".
O PP presentou máis de 100 rogos, preguntas e iniciativas no que vai de mandato, e 16 mocións, "centradas nos problemas reais de Poio e nas demandas dos veciños". Moldes tamén subliña que "a responsabilidade do PP demóstrase en que apoiamos a práctica totalidade de mocións presentadas polo tripartito".
Finalmente Ángel Moldes asegurou que "o PP é o partido no que os veciños poden confiar, como se demostrou durante este ano e particularmente durante a crise da Covid-19".