Poio tramita a solicitude de axudas para reducir as emisións de Carbono e reforzar a seguridade viaria no núcleo de Xuviño
Por Redacción
O Concello de Poio ven de anunciar que está traballando na elaboración dun proxecto que servirá para realizar a medio prazo unha "ambiciosa actuación" no núcleo de Xuviño, na parroquia de Combarro.
O acondicionamento busca reforzar a seguridade viaria, outorgándolle un maior protagonismo aos peóns, o que serviría para reducir de xeito drástico as emisións de monóxido de carbono. Tamén se busca poñer en valor o contexto arquitectónico e histórico do emprazamento.
A Concellería de Promoción Económica, dirixida polo socialista Gregorio Agís, ultima a preparación de toda a documentación necesaria para pedir unha achega para realizar estas obras, que contarán cun orzamento que ascende a 313.399 euros.
O Concello de Poio realizaría unha achega de 62.680 euros, mentres que os 250.719 restantes proverían da axuda que se solicitará con cargo a liña de achegas publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) do 17 de xuño de 2017, para financiar actuacións que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono, no marco do Programa Operático FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020.
Este proxecto recóllese no Plan de Mobilidade Sustentable aprobado polo Goberno local en 2019. As medidas que se recollen van encamiñadas a reducir o uso do vehículo privado e provocar "un intercambio modal cara fórmulas máis sostibles", tal e como explica Gregorio Agís.
Neste sentido, no citado plan figuran varias actuacións similares en diferentes núcleos tradicionais existentes nas cinco parroquias do municipio, nos que se aposta por habilitar novos itinerarios peonís e ciclistas, "fomentando así unha mellora nos hábitos de vida e de seguridade viaria da veciñanza, así como a mellora de sistemas de transporte público", engade o responsable de Promoción Económica.
A memoria da actuación, elaborada polo departamento de Urbanismo, explica que as obras servirían para peonalizar a rúa que atravesa Xuviño, de preto de 700 metros de extensión. Para iso, contémplase a dotación dunha superficie de adoquinado, nunha plataforma única, que fomentaría o tránsito a pé. Ademais, pasaríase a realizar restricións de acceso a automóbiles, que quedaría reservado para residentes.
"A obra suporía a eliminación de barreiras arquitectónicas e unha importante mellora na accesibilidade", indica Agís, que tamén engade que no proxecto se contempla a dotación dunha rede de pluviais, toda vez que o núcleo xa conta con abastecemento.
Con respecto aos prazos, estiman que, no caso de obter a achega, a licitación completaríase ao longo de 2021, de xeito que os traballos poderían estar finalizados en setembro de 2022. A proposta para a solicitude da axuda económica será levada á vindeira convocatoria da Xunta de Goberno Local.
Relacionadas:
-
Poio obtén máis de 250.000 euros do IDAE para as obras do núcleo do Xuviño
Por Redacción |
-
Poio pide a implicación de todas as institucións para resolver os problemas do Vao
Por Redacción |
-
"Máis soldos, máis asesores e máis alcaldes" é o balance que fai o PP de Poio do ano de goberno do tripartito
Por Oskar Viéitez |
-
Retan aos pontevedreses a borrar a pegada do CO2 no espazo público da cidade
Por Redacción |