Luz verde á nova ordenanza de mercados ambulantes na Lama
Por Redacción
O pleno extraordinario celebrado este luns no Concello da Lama serviu para aprobar por unanimidade as sete mocións presentadas, seis por parte do executivo local e outra polo BNG, entre as que están a ordenanza de regulación do a venda ambulante, a delegación da xestión, liquidación e recadación dalgúns tributos á Deputación, modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello e o sorteo para a formación das mesas electorais.
Sobre a regulación da venda ambulante, o rexedor Jorge Canda defendeu que era necesaria unha ordenanza específica para dar maior cobertura e desenvolvemento normativo ás feiras que se realizan no municipio, cuxa elevada afluencia fai necesario unha mellor ordenación e seguridade para vendedores e usuarios.
Doutra banda, o Pleno aprobou por unanimidade a delegación da xestión liquidación e recadación tributaria da taxa por entrada e vehículos e reservas da vía pública á Deputación de Pontevedra polo que desde agora será o ORAL quen se ocupe destas xestións.
Coa modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) permitirase a consolidación de tres peóns de obras e servizos a tempo completo, un limpador de instalacións e edificios públicos, un auxiliar de biblioteca, un avogado e un psicólogo para o CIM, así como senllos auxiliares administrativo e secretario para o departamento de Servizos Sociais e o Xulgado de Paz respectivamente.