Evacúan en helicóptero un veciño da Lama tras sufrir unha caída a cabalo
Por Redacción
Un home de 52 anos de idade, veciño da Lama, tivo que ser evacuado este domingo no helicóptero medicalizado do 061 como consecuencia dunha aparatosa caída cando montaba a cabalo.
O suceso produciuse ao redor das 15:30 horas da tarde na parroquia de Verducido, cando o accidentado perdeu o equilibrio e terminou impactando co chan.
A persoa que o acompañaba foi a que deu aviso do sucedido ao 112, que mobilizou rapidamente ao helicóptero e tamén a unha ambulancia medicalizada. Ademais tamén acudiu ao lugar unha patrulla da Garda Civil.
Tras ser explorado no lugar por parte dos profesionais sanitarios, finalmente decidiuse a súa evacuación por aire.
Segundo testemuñas da intervención, o home ferido permanecía consciente no momento da evacuación, que se realizou despois de inmobilizalo.