O PP demanda que se priorice a elaboración dun novo PXOM antes de aprobar a ordenanza de mobilidade

© Partido Popular de Pontevedra
Pablo Fernández, concelleiro do Partido Popular de Pontevedra, explicaba este venres as alegacións que o grupo municipal do PP presentará no pleno á ordenanza de regulación da mobilidade e de utilización dos espazos públicos que promove o goberno local.
Os populares reclaman que se desenvolva previamente un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como marco que estableza as directrices que deben contemplarse na ordenanza de mobilidade. Neste punto, Pablo Fernández sinala que desde o goberno bipartito xustifícase esta ordenanza en que a norma actual é "obsoleta e de pouca utilidade" ao elaborarse no ano 1989, a época aproximada na que se elaborou o PXOM, indica Fernández apuntando a que o plan que é unha norma de rango superior tamén se atopa obsoleto.
As alegacións, presentadas por rexistro, recollen tamén a petición de que se inclúan as demandas da Organización Nacional de Cegos (ONCE) referidas ao uso de determinadas lousas con botóns ou semáforos. Do mesmo xeito, os populares indican que se deben recoller as propostas da asociación Pedaladas para fomentar o uso da bicicleta no centro urbano.
En canto ao uso de vehículos de mobilidade persoal como os patinetes, Fernández indica que a nova ordenanza só recolle o uso destes vehículos en relación a menores de 12 anos e a maiores de 15 quedando os menores de entre 13 e 14 anos nun "limbo", polo que reclama que se lexislen tamén estes casos.
Neste apartado tamén entende que carece de sentido que se impoña aos usuarios de patinete a non circulación a velocidades superiores a 6 km/ h., que poden alcanzar tamén os peóns. Os populares entenden que estas limitacións de velocidade deberían figurar como recomendacións e non como imposicións. Ademais, lembra que a competencia para sancionar estes casos por parte dos municipios é de "dubidosa aplicación".
Tamén criticou a falta de medidas para fomentar o transporte público cando o goberno local tenta promover o transporte a demanda. Pablo Fernández incide ademais na petición de creación de carrís-bici, a implantación de medidas cicloloxísticas, a regulación de remolques para bicicletas e o incremento de aparcabicis, ademais da organización de vías sanitarias libres de "lombos", medida que fora aprobada en pleno e que o goberno local non puxo en marcha.
Relacionadas:
-
Os arquitectos ven "eivas" no PXOM de Pontevedra pero optan por facer un "lifting" ao actual
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra prevé que a nova ordenanza de mobilidade estea en vigor en xuño
Por Alejandro Espiño |
-
A nova ordenanza de mobilidade reforzará o carácter peonil de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
O PP lamenta a falta de conexión ciclista entre os aparcamentos disuasorios e o centro de Pontevedra
Por Redacción |