Paloma Castro insta á Xunta a "cumprir as súas competencias" e reabrir os centros de día
Por Redacción
A Xunta de Galicia non ten previsto abrir os centros de día e os centros de discapacidade, polo menos, ata setembro. Para a edil de Benestar Social de Pontevedra, Paloma Castro, é unha mostra da "desidia" do goberno galego ao que lle insta a "cumprir as súas competencias".
Castro, número 3 da lista do PSdeG-PSOE por Pontevedra ás eleccións galegas, advirte que esta decisión provoca "graves consecuencias" aos maiores e ás persoas con discapacidade funcional que usaban estes centros, así como ás súas respectivas familias.
Por iso, a socialista reclama que a Xunta deseñe os protocolos necesarios para reabrir esas instalacións "con todas as garantías" e que non condene a estes colectivos "a seguir confinados cando toda a cidadanía está en fase de desescalada".
A edil de Benestar Social recorda o carácter terapéutico que teñen estes centros e lamenta que o goberno galego non teña en conta as consecuencias "físicas e psicolóxicas" de manter pechadas estas instalacións para os seus usuarios e os problemas de conciliación que implica para as familias.