Dúas persoas resultan feridas ao caer dun patinete eléctrico
Por Redacción
Dúas mozas resultaron feridas ao caer dun patinete eléctrico cando circulaban pola Avenida da Mariña, á altura do número 124, no municipio de Vilagarcía de Arousa. Ambas circulaban sobre o patinete polo carril-bici que bordea o parque Miguel Hernández, preto do cruzamento do Ramal e do acceso ao paseo marítimo.
O accidente rexistrábase, segundo a información facilitada polo servizo 112 Galicia, ao redor das 12.00 horas deste venres. Un particular alertaba ao CIAE 112 Galicia da caída das dúas mozas, por causas aínda por determinar.
Desde o servizo de Emerxencias avisouse a Urxencias Sanitarias de Galicia 061, á Policía Local, aos Bombeiros do Salnés e ao servizo de Emerxencias e Protección Civil de Vilagarcía.
A condutora do patinete eléctrico sufriu danos na cara e foi trasladada en ambulancia ao Hospital do Salnés, segundo o Concello de Vilagarcía, para ser atendida de varias contusións. A acompañante, unha moza menor de idade, sufriu feridas moi leves.
O Concello de Vilagarcía alerta da necesidade de respectar as normas de tráfico e de seguridade viaria, sobre todo cando se circula nestes vehículos de mobilidade persoal. Sinalan que, en ningún caso, se autoriza que dúas persoas poidan desprazarse nun mesmo patinete.