Queixas polo reducido horario de atención nos centros de saúde de Anafáns, Combarro e Raxó
Por Redacción
Usuarios dos tres centros de saúde de Poio, os de Anafáns, Combarro e Raxó, trasladaron as súas queixas ao Concello pola redución de persoal médico no verán, unha situación que, aseguran, repercute na atención sanitaria dos veciños.
Segundo o goberno municipal no centro de Raxó a ausencia dunha doutora estase a cubrir cunha ampliación de xornada, o que supón que o horario de atención se reduza soamente ao tramo entre as 8:30 e as 12:30 horas, mentres en Combarro as vacacións dun médico provocan que só se reciban usuarios dous días por semana, os luns e os venres.
O Concello de Poio, ante as queixas, esixiu que se aumente o persoal médico para "dar a cobertura e a asistencia sanitaria necesaria aos veciños e veciñas" ao entender que "non ten explicación que se reduza a atención médica na época estival, sendo como é Poio un destino turístico cun aumento da poboación estacional e da poboación de paso considerable".
A cobertura sanitaria é unha vella reivindicación por parte do goberno local, principalmente no que se refire ás urxencias, xa que ao non contar cun Punto de Atención Continuada (PAC) os veciños deben desprazarse ata o centro pontevedrés da Parda.