Eliminan un punto negro para a seguridade viaria en Portonovo
Por Redacción
A renovación do paso salvacunetas que dá acceso ao barrio de Baltar, en Sanxenxo, serve para poñer solución a un punto negro de seguridade viaria en Portonovo. Os operarios da Consellería de Infraestruturas renovaron este elemento que soporta a diario o paso dun elevado tráfico de vehículos.
O Concello de Sanxenxo solicitou ao departamento autonómico a reparación do paso despois de constatar un grave risco, especialmente para o tránsito de bicicletas e motos, ao detectar importantes gretas e roturas na estrutura.
O novo paso salvacunetas combina formigón e ferro fundido para evitar afundimentos na estrutura e garantir o paso idóneo neste punto de acceso.
Os traballos, que xa están concluídos, tiveron un custo de 12.000 euros.