O PP ve "hipócrita" que o Concello apoie a PAH e rexeite a creación dun Fondo Social de Vivendas
Por Redacción
A Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) acaba de constituir un grupo en Pontevedra para axudar ás persoas que se encontran en risco de situación de non pagamento, que teñen pagamentos atrasados ou que recibiron xa avisos do xulgado apercibimento do desafiuzamento. A súa presentación pública fíxoa este martes en compañía da concelleira de Benestar Social Municipal, a nacionalista Carmen Fouces, e esta posta en escena sentou mal nas filas do PP. O seu voceiro municipal, Jacobo Moreira, interprétaa como un xesto "hipócrita" por parte do Goberno local.
Jacobo Moreira explica nun comunicado que considera "completamente hipócrita" a comparecencia pública de Carmen Fouces en compañía de representantes da PAH porque supón unha "contradición" apoiar esta nova plataforma e ter rexeitado recentemente que o Concello entrara a a formar parte do Fondo Social de Vivendas promovido polo Goberno estatal en xaneiro.
O edil 'popular' lembra neste sentido que no Pleno municipal ordinario do mes de xuño os concelleiros de BNG e PSdeG-PSOE, socios de goberno, "rexeitaron sen contemplacións" unha proposta do PP para que Pontevedra solicitara a súa adhesión ao convenio para a creación do citado Fondo Social de Vivendas, no que se integran distintas institucións e máis de 30 entidades bancarias co obxectivo de facilitar aloxamento en réxime de aluguer a familias desafiuzadas en risco de exclusión.
A iniciativa 'popular' matizaba que na relación publicada con data 29 de maio figuraban varios inmobles situados no municipio pontevedrés entre os incluídos neste proceso e criticaba que "sorprendentemente" o Concello seguía sen sumarse ao mesmo, "impedindo deste xeito a súa ocupación". Aquí enmarca Moreira esa "hipocresía", pois "o equipo de Fernández Lores, a pesar da comparecencia do martes, está a frustrar a ocupación desas vivendas hoxe aínda baleiras".