O conflito da mexilla enfronta a bateeiros e percebeiros
Por Oskar Viéitez
Nas últimas semanas repítense por toda a costa galega os enfrontamentos entre bateeiros e percebeiros. As desavinzas entre estes dous colectivos é xa histórica.
O conflito xorde no momento no que os produtores de mexillón empezan cos labores de captura de mexilla (cría de mexillón) nas mesmas rochas que o percebe, nas máis golpeadas polo mar.
Para este labor contan coa correspondente autorización administrativa emitida pola Consellería do Mar e tamén esgrimen o dereito histórico de acceso á cría deste molusco que despois crece nas cordas das bateas.
Con todo os percebeiros consideran que este traballo non respecta a contorna na que se desenvolve esnaquizando o prezado crustáceo.
Hai un ano os percebeiros propuxeron á Xunta ser eles os encargados de colleitar a mexilla e tamén de comercializala cun prezo de referencia dun euro o quilo. A Xunta comprometeuse a regular ambas as actividades pero aínda non o fixo.
Esta semana a conselleira do Mar, Rosa Quintana, tratou de mediar entre os representantes das dúas partes, foi o pasado xoves en Vilagarcía, pero non houbo acordo sobre o mapa de zonas de explotación vedado á mexilla.
O ano pasado vendéronse 255.000 toneladas de mexillón, por valor de 112 millóns de euros, e 310 toneladas de percebe, cuns ingresos de 9 millóns de euros.