20 días de traballos sociais para un 'gorrilla' por mover os coches que aparcaba sen ter carné
Por Natalia Puga
Un mozo de 32 anos que habitualmente exerce de 'gorrilla' deberá cumprir 20 días de traballos en beneficio da comunidade por un delito contra a seguridade do tráfico que tería cometido mentres aparcaba coches.
A condena impúxolla este mércores o Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra. O home, de nacionalidade romanesa, conformouse coa pena imposta e cos feitos dos que se lle acusa, conducir sen ter carné de conducir.
O delito teríao cometido máis dunha vez, pero foi 'cazado' pola Policía Local o 31 de xullo mentres axudaba a varios condutores a estacionar os seus coches nunha área de aparcadoiro público da rúa Xeneral Rubín.
A confianza que ten cos que utilizan esta rúa para aparcar é tal que moitos condutores lle deixan as chaves do coche para que poida movelo segundo as necesidades. Algúns vehículos quedan en dobre fila e, cando aparece un oco, o aparcacoches móveos e estaciona de forma correcta.
A súa actuación é correcta porque se basea na confianza dos seus 'clientes', pero o problema chegou cando unha persoa chamou a Policía Local para denunciar que carecía de carné de conducir. Movía os coches (aínda que fosen tan só uns metros) sen licenza.
Unha patrulla policial acudiu ao lugar para verificar a denuncia. Os axentes presenciaron como movía coches e, logo, comprobaron que non tiña carné. Levantaron atestado, remitírono ao Xulgado de Garda e este mércores celebrouse un xuízo rápido no que o 'aparcacoches' mostrou a súa conformidade coa condena que lle pediu o fiscal.