Esixen á Xunta que garanta aos veciños de Ons o acceso sen restricións ás súas vivendas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Os portavoces dos grupos municipais do Concello de Bueu esixen unha "solución inmediata" á Xunta de Galicia que garanta o dereito da veciñanza da Illa de Ons a acceder a este espazo sen restricións.
Este mércores acudiron ata a delegación territorial da Xunta en Pontevedra, o alcalde de Bueu, Félix Juncal; o portavoz do BNG, Xosé Leal; o portavoz de ACB, Julio Villanueva; a portavoz do Partido Popular, Elena Estévez e o do PSOE, José Manuel Vilas.
Todos eles entregaron por rexistro un documento o que esixen ao goberno galego unha "solución inmediata" por parte do ente autonómico, así como a convocatoria urxente, de maneira telemática, dunha Mesa por Ons.
No citado escrito os portavoces instan á resolución deste problema nun máximo de 24 horas pois, en caso contrario, a corporación bueuesa estudará a retirada da Declaración de Patrimonio da Humanidade que a Xunta de Galicia pretende impulsar para o Parque Nacional das Illas Atlánticas no que se atopa Ons.
Os representantes da corporación aseguran que non están dispostos a aceptar o incumprimento do acordo ao que se chegou o 18 de setembro de 2019. Naquela ocasión acordouse establecer unha cota para illáns de 800 persoas en total. De existir unha demanda superior a esas 800 prazas preasignadas, bloquearíanse outras 300 prazas da cota de visitantes, pero non con anterioridade nin na súa totalidade.
Ese foi o acordo ao que se chegou no marco dunha mesa de diálogo na que participou unha representación da veciñanza, os membros da corporación municipal, así como das Consellerías de Medio Ambiente e de Cultura.
Neste sentido, o alcalde de Bueu volveu a expresar o apoio incondicional á reclamación da veciñanza da Illa de Ons que estes días iniciou un peche no salón de plenos da Casa do Concello en sinal de protesta ao non respectar a Xunta de Galicia o sistema de cotas para o acceso ás súas vivendas.
O rexedor cualificou a actitude da Xunta como "insensata, irresponsable e desleal coas persoas de Ons e co Concello de Bueu".
Relacionadas:
-
Bueu pide á Xunta que aclare como será o acceso da veciñanza á illa de Ons
Por Redacción |
-
A 'Mesa por Ons' calma a preocupación da veciñanza: sae con garantías para o acceso á illa
Por Redacción |
-
Veciños de Ons, molestos coa Xunta polos cupos para acceder á illa, encérranse no Concello de Bueu
Por Redacción |
-
Os isleños regresan a Ons
Por Oskar Viéitez |