Tráfico puxo 70 denuncias administrativas durante esta fin de semana
Por Oskar Viéitez
O Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra intensificou esta fin de semana os controis de mobilidade interprovincial cun resultado total de 70 denuncias administrativas á Lei Orgánica 4/2015 de Seguridade Cidadá.
Establecéronse dispositivos para o control das medidas decretadas para a xestión da crise sanitaria da covid-19 nas principais vías de comunicación da provincia, en zonas próximas aos límites coa Coruña e Ourense, e nos accesos a grandes núcleos de poboación ou zonas turísticas.
Aínda que se observou un cumprimento xeneralizado das normas establecidas, tamén se detectaron algunhas situacións irregulares de desprazamentos non autorizados interprovinciais e viaxes nos que os ocupantes dos vehículos de motor non cumprían coas obrigacións sanitarias como o uso de máscaras.
ROTEIROS MOTEIROS
A Garda Civil de Pontevedra tamén vixiou esta fin de semana as principais estradas utilizadas por motoristas na provincia diante do notable aumento da circulación deste tipo de vehículos tras a entrada na fase I da crise sanitaria da Covid-19.
Trátase de efectuar unha especial vixilancia sobre os colectivos máis vulnerables, peóns, ciclistas e os citados motoristas. O obxectivo é reducir os sinistros viarios nos que ven implicados este tipo de usuarios, xa que no ano 2019 un 40% das 90 vítimas mortais en accidentes de tráfico en Galicia pertencía a un destes tres grupos.
FASE 1
Na fase actual, as persoas que residan nunha mesma vivenda poden desprazarse nun mesmo vehículo sen máis limitación que as prazas para as que estivese homologado o coche. No caso de que os ocupantes non fosen conviventes, deben facer uso de máscara e como máximo, poden viaxar dúas persoas por fila de asentos, gardando sempre a maior distancia de seguridade posible para así evitar o contaxio do virus.
Relacionadas:
-
O Sergas solicítalle ao Ministerio de Sanidade pasar á fase 2 da desescalada
Por Oskar Viéitez |
-
Sáltase o confinamento e conduce drogado para visitar a uns familiares no poboado do Vao
Por Oskar Viéitez |
-
Tráfico intensificará os controis nas principais vías de comunicación durante a fin de semana
Por Oskar Viéitez |