A Policía Nacional forma os vendedores da ONCE para evitar que lles roben
Por Redacción
A Policía Nacional de Pontevedra realizará unha labor de asesoramento cos vendedores da ONCE para que adquiran as técnicas necesarias para evitar ser vítimas de delitos, principalmente roubos e furtos.
Estas tarefas enmárcanse nun acordo de colaboración asinado en Madrid entre a Dirección Xeral da Policía e a ONCE. No caso de Pontevedra, as liñas de traballo a seguir marcáronse nunha reunión celebrada nos últimos días entre a directora da ONCE en Pontevedra, María de los Ángeles Lorenzo, e a delegada de Participación Cidadá da Comisaría, a inspectora Ruth Martín.
Os obxectivos principais do convenio son mellorar a protección e seguridade das persoas con discapacidade que vendan produtos de lotaría, afiliados ou non á ONCE; establecer canles de comunicación fluída entre ambas as dúas institucións; e loitar contra o xogo ilegal e asociacións amparadas nun falso obxectivo de axuda a discapacitados, pois só en 2012 calcúlase que se venderon boletos ilegais por importe superior a 80 millóns de euros.
Co fin de que os seus vendedores adquiran as técnicas necesarias para evitar ser vítimas de delitos, principalmente roubos e furtos, a Policía Nacional participará nas xornadas e cursos de formación que se imparte a partir do 1 de setembro.
Nos cursos de formación para aspirantes e nos de reciclaxe de vendedores incluirase un módulo formativo en seguridade e medidas de protección. Ensinaranse rutinas de autoprotección para poñer en marcha no punto de venda, nos traslados ao banco, como actuar en caso de sufrir un delito ou como interpoñer unha denuncia.