A Deputación crea unha rede de acción institucional para traballar cos concellos na recuperación do espazo público
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra convocou este xoves nun encontro telemático aos alcaldes dos concellos da provincia para debater sobre a necesidade de recuperar o espazo público.
O vicepresidente da Deputación, César Mosquera e o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos, Uxío Benítez, expuxeron aos responsables municipais unha rede de acción institucional, denominada Ágora, para traballar cos gobernos locais co obxectivo de considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía como "escenario natural da vida colectiva".
César Mosquera destacou a "alta calidade" do asesoramento técnico que se presta aos concellos para responder "a unha demanda que si existe" como están a revelar os recentes acontecementos coa crise sanitaria da enfermidade da COVID-19 que evidencian a necesidade de contar con espazos públicos de calidade nas vilas e cidades. Segundo expuxeron, a distancia física ou de seguridade non é distancia social, o ser humano precisa de elementos e lugares de sociabilización.
Os retos de agora en diante serán como adaptar o espazo público para que sexa posible manter a distancia de seguridade de 2 metros e como xerar espazos seguros para garantir a distancia física sen que isto implique distanciamento social.
Así, os concellos que, de maneira voluntaria, formen parte desta rede comprométense a realizar políticas de recuperación dos seus espazos públicos e a fomentar as mobilidades alternativas nos seus termos municipais multiplicando a superficie destinada ás persoas fronte aos coches.
A rede Ágora establece un decálogo cos seus principios, o primeiro deles é que "o espazo público é un dereito ao mesmo nivel que a sanidade ou a educación", explicou Uxío Benítez.
"O espazo público é un dereito ao mesmo nivel que a sanidade ou a educación", explicou Uxío Benítez
Este decálogo establece que "calquera actuación no espazo público terá como destinatario prioritario ás persoas" de modo que a mobilidade peonil prevalecerá sobre outros modos de transporte na seguinte orde: bicicletas, vmp, transporte colectivo e automóbil particular. Outro principio básico son a "mobilidade inclusiva" e a "autonomía infantil".
Ademais promoverase a mobilidade natural e activa fronte á motorizada tanto nos núcleos urbanos como nos rurais e a seguridade viaria será unha prioridade nos concellos incentivando políticas de acougado de tráfico, a través da colocación de pasos peonís sobre elevados, redutores físicos de velocidade e limitación da velocidade máximas a 30 km/ h.
Outros principios sobre os que se articula a acción da rede Ágora serán a construción de "hábitats saudables" e de "espazos amables e de calidade" así como o fomento da "actividade económica de proximidade" e da mobilidade sostible reducindo a contaminación ambiental tendo sempre presente as accións polo clima.
Para iso os compromisos da Deputación cos concellos que se animen a formar parte de Ágora serán os de impulsar iniciativas e programas de axudas para proxectos de recuperación dos espazos públicos e de fomento das mobilidades alternativas.
A administración provincial tamén se compromete a xestionar a captación de recursos externos para mellorar o financiamento do proxecto.
De maneira inmediata, e sen necesidade de estar adheridos a esta rede, a Deputación pon a disposición persoal técnico especializado para orientar e asesorar no desenvolvemento dos obxectivos marcados.
A rede Ágora servirá tamén como unha plataforma de difusión nacional e internacional destes concellos e espera ter representación nas redes estatais Cidades que Camiñan e Cidades pola Bicicleta. Ademais encargarase de impulsar accións de sensibilización nos centros educativos e tamén de organizar cursos, conferencias, exposicións e outras accións formativas e elaborar material impreso e audiovisual como soporte da comunicación.
Pola súa banda aqueles concellos que se adhiran a Ágora asumirán o compromiso de incrementar os espazos públicos destinados ás persoas durante o presente mandato e crear infraestruturas de mobilidade alternativa (a pé e en bicicleta).
Tamén terán que cumprir en todos e cada un dos proxectos executados os principios que rexen a rede Ágora, así como as publicadas na Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable, os criterios de intervención de espazos públicos (en redacción) e todos e cada un dos documentos que a propia rede acorde.
Ademais, deberán elaborar ou ter elaborado un Plan de Mobilidade Urbana Sostible ou plan estratéxico semellante e proporcionarlle datos do concello á Deputación para o tratamento da información e establecer un cronograma de traballo vinculado a obxectivos.
Relacionadas:
-
Máis paseos a pé e en bicicleta, reto na Illa de Arousa para favorecer hábitos saudables
Por Redacción |
-
Colexios oficiais e asociacións de consultorías e empresas únense á Deputación para recuperar espazo público
Por Redacción |
-
Marín adhírese á Rede de Concellos Ágora
Por Redacción |
-
A Deputación aproba a creación da rede Ágora para impulsar a ampliación do espazo peonil
Por Redacción |
-
Os concellos da provincia contarán cun servizo de cita previa grazas á plataforma informática da Deputación
Por Redacción |
-
Unha comisión técnica asesorará os concellos na posta en marcha de medidas pola crise da Covid19
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación proporá aos alcaldes intervencións efémeras e urxentes para recuperar o espazo público
Por Oskar Viéitez |