Pontevedra inclúe 33 prazas na súa oferta pública de emprego para 2020
Por Alejandro Espiño
A oferta "máis completa posible" que se pode facer nestes momentos. Así cualifican desde o Concello de Pontevedra a proposta de emprego público para cubrir "practicamente todas" as vacantes que hai no cadro de persoal municipal.
Esta oferta pública de emprego, correspondente ao ano 2020, estará composta por 33 prazas. Foi aprobada na mesa xeral de negociación sindical celebrada esta semana.
A edil de Persoal, Carmen Fouces, explica que dentro desta oferta inclúense postos de nova creación ligados á modernización e axilización da administración.
Entre eles, inclúense un técnico superior de sostemento de espazos públicos, un técnico en deportes ou un xestor de contidos e soporte da administración electrónica.
Xunto cos postos de nova creación, a oferta contempla prazas vacantes por xubilación, como o posto de arquiveiro municipal.
Ofertaranse así un posto de enxeñeiro técnica industrial, un técnico medio de Informática, un técnico de administración xeral, un administrativo, dous técnicos medios, dúas prazas de oficial electricista, unha de oficial condutor mecánico, dúas de oficial de xardíns, catro de oficial de obras e tres de operarios.
Tamén se inclúen dez prazas para a Policía Local, oito de policía, unha de inspector e outra de oficial, e unha praza de cabo para o servizo de Bombeiros.
Once destas prazas serán de promoción interna, dous de policía sairán pola fórmula de mobilidade horizontal e as vinte restantes serán de acceso libre.
Ademais de reforzar os servizos municipais e facilitar a promoción interna dos traballadores, o goberno municipal quere ofrecer con esta proposta de emprego "oportunidades de acceso a postos de traballo estables e con remuneracións dignas", engadiu Fouces.