Quilométrico atoamento domingueiro
Por Redacción
O regreso das praias foi tortuoso para todos aqueles que o domingo elixiron o coche como medio de transporte. Quilométricas caravanas atraparon miles de condutores ao regreso dos areais das Rías Baixas.
Non houbo alternativas xa que tanto as vías principais coma as secundarias sufriron o colapso ante o elevado número de vehículos. Moitos deles procedentes dalgunhas das numerosas festas que coincidían nesta fin de semana.
No caso da Illa de Arousa a explicación do atoamento hai que buscala tamén no accidente de tráfico rexistrado sobre as 19,30 horas na Pantrigueira, na estrada de acceso á ponte da Illa.
Segundo explicou o 112 dous turismos colidiron bloqueando a calzada. Un mozo ocupante duns dos turismos resultou ferido.