Recomendacións da Policía Local de Poio nas saídas para facer deporte

Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio deseñou un dispositivo especial, con motivo dos permisos establecidos polo Goberno central para que os adultos e persoas maiores poidan realizar exercicio, de xeito individual e dar paseos entre persoas que vivan no mesmo domicilio desde o vindeiro sábado 2 de maio.
Esta actuación implica unha serie de recomendacións e iniciativas, entre as que se inclúe a publicación nos perfís oficiais en redes sociais do Concello dun mapa interactivo, onde se marcan os espazos e horarios aconsellados para realizar estas actividades.
A Policía Local tamén aconsella que aqueles espazos máis próximos á costa, como as praias e paseos marítimos, sexan utilizados polos adultos que saen a pasear coas súas crianzas.
Polo que respecta ás saídas para facer deporte, o corpo de seguridade entende que son máis axeitadas as áreas rurais, nas que existe unha maior despoboación e distanciamento entre vivendas, o que facilita o cumprimento do distanciamento social, reducindo así os riscos. Deste xeito, lugares como a Praza da Chousa e inmediacións en Combarro ou o paseo de Lourido son, a xuízo do corpo de seguridade, emprazamentos ideais para as saídas das crianzas.
O xefe da Policía Local, Antonio Duarte, explica que os areais ábrense "porque son espazos abertos, nos que resulta sinxelo manter as distancias e evitar aglomeracións, pero agora, polo momento, non podemos pensar nas praias como un lugar para darse un baño ou tomar o sol cando as condicións meteorolóxicas acompañen".
Á marxe da información achegada a través das redes sociais, axentes policiais tamén realizarán patrullas de xeito regular durante a xornada do sábado, co obxecto de resolver calquera dúbida aos cidadáns.
CONTROIS DE TRÁFICO
Por outra banda, a Policía Local de Poio prevé desenvolver, con motivo da Ponte de Maio, novos controis de tráfico, a fin de evitar desprazamentos non xustificados, entre os que se inclúen os traslados a segundas vivendas. Esta medida permitirase en futuras fases sempre e cando se fagan dentro da mesma provincia, pero, de momento, trátase dun tramo da desescalada que aínda non está en vigor.
Deste xeito, os axentes controlarán diferentes accesos á vila, como poden ser as inmediacións da Ponte da Barca ou na PO-308.
Relacionadas:
-
Identifican en Poio a persoas bañándose na praia ou cruzando a AP-9 durante esta fin de semana
Por Redacción |
-
O mapa interactivo dos negocios de Poio irase poñendo ao día co avance da desescalada
Por Redacción |
-
Estas son as recomendacións para os deportistas que decidan nadar no río Lérez a partir deste sábado
Por Almu Dapena |
-
Establecen tres franxas horarias limitadas para pasear a partir deste sábado 2 de maio
Por Redacción |