Sanxenxo permitirá aos bares ampliar o espazo das súas terrazas
Por Redacción
Ante a desescalada anunciada polo Goberno, que permitirá inicialmente a reapertura dos establecementos hostaleiros que teña terraza, o Concello de Sanxenxo tomou a decisión de permitir este verán que se amplíe o espazo reservado para este fin no municipio.
Esta medida, segundo o goberno municipal, será "excepcional" e poderase adoptar "onde sexa posible" e sempre que se garanta o paso dos peóns por beirarrúas e espazos públicos.
O Concello espera así amortecer os posibles efectos económicos da limitación de ocupación do 30% destes espazos durante as distintas fases do proceso de desescalada e súmase á exención das taxas de terrazas decretada polo goberno durante este verán.
A idea é que por exemplo unha terraza que teña na actualidade dez mesas e que agora cumprindo coa redución do 30% queden en tres, poida dispoñer de máis espazo nos lugares que sexa posible e sempre dando prioridade aos peóns", asegura Telmo Martín.
O alcalde de Sanxenxo considera que o calendario de apertura de establecementos anunciado polo Goberno "vai na boa liña" e aposta por dar unha maior prioridade ás distancias de seguridade en lugar de limitar aforos.
A pesar diso, Martín asegura que os hostaleiros locais están "preocupados", de maneira especial, pola limitación ás viaxes fóra da provincia ata finais de xuño, ao entender que "cuestionan" a viabilidade económica dos establecementos turísticos.
A falta de protocolos para o inicio de actividade en diversos establecementos a partir do próximo luns é outra das dificultades detectadas polo goberno local no plan de desescalada presentado no que o rexedor aprecia un "alto grao de improvisación".
Cada semana de peche, o sector turístico de Sanxenxo calcula unhas perdas de 3 millóns de euros, unha estimación que se rebaixaría aos 2,1 millóns de euros se se aplica o 30% de aforo e a 1,5 millóns de euros se é do 50%.
En todo caso destacan que as perdas entre marzo e agosto sumarán 38 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Sanxenxo reforza a seguridade sanitaria nas súas praias para a tempada estival
Por Redacción |
-
Sanxenxo, elixido para un plan piloto sobre destinos turísticos de confianza ante a COVID-19
Por Redacción |
-
Vilagarcía permitirá ampliar as terrazas hostaleiras
Por Oskar Viéitez |
-
Comercios, hoteis e bares con terraza abrirán o 11 de maio; restaurantes, a finais de mes
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta prepara un plan de reactivación do turismo para as Rías Baixas con medidas de seguridade sanitaria
Por Redacción |
-
As praias de Sanxenxo e Vilagarcía, abertas para os paseos dos menores desde este domingo
Por Redacción |