Un centenar de persoas participan na Kedada arqueolóxica do Monte do Castro
Por Redacción
Un centenar de persoas participaron na Kedada 2.0. convocada por Turismo Rías Baixas a través das redes sociais. Os participantes tiveron ocasión de disfrutar dunha visita guiada ao xacemento arqueolóxico de Monte do Castro, en Ribadumia, de gran valor patrimonial.
No transcurso da visita, o arqueólogo da Deputación, Rafael Rodríguez, guiou aos asistentes polos recunchos deste poboado fortificado da Idade Media. Explicacións sobre as escavacións, sobre as pezas e estruturas que se van descubrindo e sobre as orixes e historia deste recinto que atópase na cuarta fase de escavación, cun total de 100.000 pezas arqueolóxicas atopadas, e unha superficie aberta xa de 2.100 metros.
Segundo explicou o arqueólogo, as previsións son chegar aos 3.000 metros cadrados escavados, para o que está a traballar neste castro un equipo de 30 persoas.
Ademais das labores convencionais de escavación arqueolóxica, realízanse tamén traballos de restauración das estruturas atopadas e a xestión de todo o material, que é destinado ao Museo de Pontevedra para que os conserve como parte dos seus fondos e para a súa divulgación.
A visita guiada realizada na mañá deste sábado é a segunda que organiza Turismo Rías Baixas, tras o éxito da primeira edición na que se programou un paseo pola cidade de Pontevedra, que reuniu a centos de persoas.
Para o seu desenvolvemento, o organismo provincial puxo á disposición dos seguidores das contas de Facebook e Twitter de Turismo Rías Baixas e que se anotaron a este programa, un autobús que saíu de Pontevedra e de Vigo de forma completamente gratuíta.