Aplican un novo tratamento contra o picudo vermello nas palmeiras da cidade
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O coronavirus non detén a loita contra unha das pragas que máis se estendeu polas árbores da cidade nos últimos anos, o picudo vermello. Todas as palmeiras dos principais parques históricos do centro urbano recibiron un novo tratamento contra este parasito.
A empresa especializada en control de pragas Galides SL foi contratada polo Concello para realizar estas terapias fitosanitarias cun orzamento de 14.500 euros.
A intervención foi completada coa axuda dun camión-guindastre cun brazo extensible que pode acadar os 50 metros de altura, o que permitiu levar a cabo unha revisión exhaustiva do estado sanitario das árbores e constatar que todas continúan sas e non teñen verme.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, explica que as palmeiras canarias que hai na cidade son un dos elementos vexetais de maior valor ornamental, histórico e sentimental e representa unha "prioridade" seguir conservando intacto este patrimonio.
Puentes destaca ademais o seu valor "singular e monumental" e o seu porte "imponente", xa que pertencen á época do impulso de Pontevedra a partir de mediados do século XIX, coa construción dos grandes edificios públicos, como a Casa Consistorial ou o Pazo Provincial.