É a quenda da limpeza e da roza no rural de Marín
Por Redacción
Marín comeza unha campaña de limpeza e roza dos camiños do rural durante esta primavera. Integrantes da Fundación Juan XXIII xa están a desenvolver os traballos en camiños e vías estreitas eliminando maleza e silvas que foron crecendo ao longo dos últimos meses.
A actividade completarase coa intervención dun tractor de roza pertencente ao Concello, que executará a finais de maio as tarefas de limpeza nas estradas e pistas que unen diversas parroquias e lugares da vila ao longo dunha zona de 80 quilómetros.
Pablo Novas, concelleiro do Medio Rural afirma que estes traballos atenden a criterios de necesidade e desenvolveranse atendendo ás recomendacións das autoridades sanitarias para evitar contaxios.
O cronograma das intervencións pódese consultar nesta ligazón. Os traballos inícianse durante este mes de abril e maio en Pedreiras, A Estivada, Arealonga, Pituco, Cañota, Pitanxo, A Laxe, O Carrgal, Casal, Bravos, Viñas Brancas, A Raña e Outeiro.
O concelleiro destaca tamén o labor do colectivo pertencente á Fundación Juan XXIII ao mostrar en todos estes puntos as capacidades destes operarios que realizan un traballo de máxima calidade para o uso e goce de todo a veciñanza.