A resonancia magnética móbil reanuda a súa actividade no Hospital Provincial
Por Redacción
A unidade móbil de resonancia magnética con que conta o Servizo Galego de Saúde en Pontevedra renovou a súa actividade no Hospital Provincial, tras un parón obrigado pola fase aguda da pandemia provocada polo coronavirus.
Nun comunicado o Sergas asegura que coa volta ao funcionamento deste equipo "reactívase unha modalidade asistencial que permite dar resposta, coa máxima calidade diagnóstica, a unha demanda dispersa pero importante no seu conxunto, cunha fórmula asistencial áxil, flexible, satisfactoria para o usuario e capaz de obter o máximo rendemento asistencial dun recurso tecnolóxico de última xeración".
Na primeira xornada de volta á actividade, a unidade móbil da cidade do Lérez atendeu ao redor de 15 pacientes aos que se lles realizaron las exploracións con resonancia magnética solicitadas polo especialista, o que supón unha lixeira redución respecto da vintena de pacientes que se atendían en condicións normais, e sen a ameaza do coronavirus.
Esta diminución débese á aplicación do plan de continxencia que se estableceu para evitar contaxios e que inclúe, entre outras actuacións, a desinfección da sala e o equipo con cada paciente, o mantemento das distancias establecidas e o uso por parte dos pacientes e do persoal da unidade dos correspondentes elementos de protección individual.