Aires de nadal no pleno veraniego da Deputación
Por Redacción
O pleno do mes de xullo desenvolveuse en agosto. E abriuse cun recordo ás vítimas do accidente ferroviario de Santiago de Compostela en forma de minuto de silencio. Todo transcorreu con normalidade, a diferenza das últimas sesións que contaran coa presenza dos afectados polas preferentes. Nesta ocasión, como xa anunciaran dende a coordinadora de afectados, non compareceu ningún afectado. O que si acudiu foi César Mosquera, ausente nas últimas, tras someterse a unha operación oftalmolóxica. O deputado do BNG foi quen se referiu á sesión como un pleno "navideño". Non en van, resulta estraño que os tres partidos voten por unanimidade os puntos do día salvo a moción do socialista Cacabelos sobre a aplicación dun IVE reducido ás actividades artísticas.
Por unanimidade aprobouse a modificación de créditos. O deputado popular, José Manuel Figueroa, mostrábase sorprendido e facíallo saber ao resto da corporación: "Debe ser a primeira vez dende que eu estou, que todos os grupos apoian unha modificación de créditos", con 15 millóns de euros para amortización da débeda, con parte desa cantidade destinada á xeración de emprego, e otros 15 millóns para investimentos. O voceiro nacionalista, César Mosquera, afirmaba que "isto é un acto de insubmisión ao que o Goberno central está a facer en Madrid". Santos Héctor, voceiro do grupo socialista, apoiou o punto pero indicou que "a modificación faise con improvisación" e apuntou que se sumaban á proposta ao valorar a importancia que ten que parte desa cantidade se destine á creación de emprego.
O resto de puntos da orde do día tamén se aprobaron por unanimidade incluída a moción do PSdeG-Psoe sobre a reforma da Lei orgánica do poder xudicial na que se reclamaba ao ministro Alberto Ruiz Gallardón que mantivera os partidos xudiciais como ata agora. Figueroa sinalou que se remitira un informe ao ministerio de Xustiza neste sentido e, ao ser preguntado pola oposición, que se lles respondera ao informe, indicou "que seguen traballando".
SEN ACORDO SOBRE O IVE CULTURAL
A discrepancia chegou coa moción socialista sobre a aplicación dun IVE reducido ás actividades artísticas. Neste punto, o PP votou en contra alegando necesidade destas medidas adoptadas polo Goberno central para saír das crises. Figueroa, que ante a marcha de Rafael Louzán durante a sesión, presidía o pleno sinalou que "son decisións necesarias para que España saia desta situación". O deputado José Cacabelos que presentara a moción explicando o dano que a suba do IVE está a provocar na industria cultural, aludiu á boa disposición de todos os grupos no pleno ata ese momento. Non tivo sorte e os populares tombaron a súa proposta.
O pleno tamén aprobou unha declaración sobre a situación da empresa Pescanova e no apartado de rogos, César Mosquera reclamou que se eliminase a entrega de medallas de ouro que a institución provincial fai nos últimos anos, durante o mes de agosto, distinguindo a entidades como "Caixanova ou Pescanova". Figueroa indicou que este ano tamén se entregarían pero que o acto se pospuxera porque "non era o momento polos acontecementos recentes".