Comeza a repartición de máscaras porta a porta en Ponte Caldelas
Por Redacción
As máis de tres mil trescentas vivendas repartidas nas 33 aldeas do rural de Ponte Caldelas, así como os residentes na zona urbana do municipio van dispoñer das máscaras que o Concello comezou a repartir porta a porta.
Segundo a administración local, todos os veciños van dispoñer deste material de protección gratuitamente. Están elaboradas con tea sen tecer, indicada para a confección de máscaras sanitarias, que repele fluídos, son antibacterias, hipoalergénicas e poden lavarse a sesenta graos. Contan con dobre tea e filtro interior para maior protección.
Esta dotación para protexer aos veciños foi confeccionada de maneira altruísta por costureras do propio municipio con teas, filtros e gomas que lles forneceu o Concello. Un traballo que agradeceu o alcale Andrés Díaz "demostramos unha vez máis que Ponte Caldelas é un concello solidario e unido, que ante un momento difícil como o actual, sabe arrimar o ombreiro e traballar en equipo para loitar polo ben de todos os veciños".