Un home de 59 anos, vítima número 11 do coronavirus na área sanitaria
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue a tendencia á baixa da última semana e este xoves, de novo, o balance de pacientes con coronavirus revela un descenso das persoas hospitalizadas pola enfermidade. De todos os xeitos, os datos optimistas do día ven contrarrestados co falecemento da que é a 11 vítima mortal da pandemia.
O falecido é un home de 59 que estaba ingresado no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra. Faleceu este mércores 8 de abril e tiña, segundo fontes oficiais da área sanitaria, patoloxías previas.
O balance oficial deste xoves recolle que na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés hai 470 casos activos de coronavirus, dos que 72 están hospitalizados, a cifra máis baixa das dúas últimas semanas.
En total, hai 59 pacientes hospitalizados en planta -6 deles no Hospital do Salnés e ningún en QuirónSalud- e 13 pacientes evolucionan en UCI. Os 398 casos restantes están en domicilio.
Desde o inicio da pandemia do Covid-19, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés prescribiu 97 altas hospitalarias. 16 desas altas tramitáronse na última xornada.
Segundo os datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 5.551, deles 1.148 son da área da Coruña, 563 da de Lugo, 1.041 da de Ourense, 470 da de Pontevedra, 1.069 da área de Vigo, 939 da de Santiago, e 321 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 154 permanecen en UCI, 794 están en unidades de hospitalización e 4.603 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 910 altas de pacientes e 297 falecementos.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos
Relacionadas:
-
Soben os casos activos por coronavirus na área sanitaria ata os 483, pero non as hospitalizacións
Por Diego Espiño |
-
A cifra de hospitalizados por coronavirus en Pontevedra e O Salnés descende ata os 62, unha decena menos que o xoves
Por Diego Espiño |
-
Seguen baixando os pacientes hospitalizados por coronavirus: 41 menos nunha semana
Por Natalia Puga | Creada e actualizada