Emerxencias de Sanxenxo suma 112 intervencións nos 23 días de estado de alarma
Por Redacción
O servizo de Emerxencias de Sanxenxo leva realizadas 112 intervencións ao longo dos 23 días que leva vixente o estado de alarma. A compra de alimentos ou produtos farmacéuticos para persoas vulnerables, a distribución de máscaras, retirada de residuos e a colaboración co Banco de Alimentos son unha mostra do labor destes traballadores.
Este tipo de operativos, que pouco teñen que ver co funcionamento habitual do departamento, puxéronse en marcha para evitar a propagación do virus. En termos absolutos realizaron 13 compras en supermercados e outras tantas en farmacias, 4 retiradas de residuos sólidos urbanos e 12 intervencións con EPIs en casos de positivos por coronavirus.
A Policía Local colabora tamén a miúdo co corpo de Emerxencias para a repartición das 14.000 máscaras proporcionadas polo goberno local en máis de 413 domicilios
Ademais, en coordinación co departamento de Servizos Sociais, encargáronse de distribuír os paquetes elaborados polo banco de alimentos a un total de cinco familias.