O alcalde de Ponte Caldelas busca emigrantes con 6 millóns de euros que compren o balneario ao 'banco malo'
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, retomou as pasadas semanas os contactos cos responsables de inmobles de Novagalicia Banco, para interesarse pola situación en que se encontran os terreos do antigo Balneario que en virtude da correspondente execución hipotecaria, son propiedade desta entidade.
Estes confirmáronlle que ese inmoble se transferiu á Sociedade de Xestión de Activos inmobiliarios procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB), e que evidentemente teñen interese en desprenderse do inmoble a un prezo alcanzable.
A impresión recollida polo rexedor é que hai unha moi boa disposición na entidade financeira e o Sareb para facilitar a venda do inmoble nunhas condicións económicas moi distintas ás inicialmente previstas e que resultan máis acordes co mercado e o momento no que estamos.
Perfecto Rodríguez mantén viva a esperanza de que investidores poidan interesarse por retomar este proxecto e neste sentido tivo xa reunións con empresarios da construción e do sector hoteleiro que se interesaron en coñecer en que situación encóntrase o Balneario o cal, dende a chegada do Goberno de Núñez Feijoo, conta con todo tipo de licenzas e autorizacións en regra para que poida converterse nunha realidade. De feito a obra iniciada ten a licenza en vigor.
Así mesmo o Alcalde quere aproveitar estas datas estivais nas que adoitan regresar empresarios galegos residentes en países emerxentes, como México e Brasil, para presentarlles esta iniciativa e animalos a emprender, en solitario ou en sociedade con outros empresarios interesados no proxecto, esta iniciativa que conta con todas as autorizacións administrativas pertinentes para a súa conclusión.
Rodríguez considera que a posta en marcha do balneario supoñería un bo investimento para calquera empresario ao tempo que sería un importante revulsivo económico e turístico para o municipio, ademais dunha fonte que xeraría emprego directo e indirecto nestes momentos de especial dificultade económica.
O proxecto construtivo deseñado polo prestixioso estudo de Arquitectura A-Cero, do mediático arquitecto Joaquín Torres, sería un atractivo máis xa que se trata dun proxecto cunha construción perfectamente integrada na paisaxe e no ámbito natural.
O investimento previsto na construción deste proxecto ascendía a uns 6 millóns de euros, pero hoxe en día é moi posible que puidese executarse con menor presuposto, tendo en conta a menor carga de traballo do sector da construción.