Desde Poio tamén se organizaron costureiras altruístas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Pilar Moure é unha costureira de Poio, estaba en paro, e nesta situación resistiuse a seguir sen actividade. Púxose en contacto con outras costureiras do municipio, de Ponte Caldelas, e de Pontevedra como Marina Navarro, que tivo que pechar o negocio durante o estado de alarma. Desta forma comezou outra iniciativa na que as máquinas de coser póñense ao dispor da sociedade que demanda material de protección.
Pilar contactou tamén co Concello de Poio, que se está encargando de proporcionarlles o material que requiren para o seu labor. A administración local conta coas achegas da Mercería Fíos de Combarro, que doou fío e gomas; coa empresa pontevedresa Confeccións ENCA, que doou tamén goma de forma desinteresada e co Concello de Sanxenxo para dispoñer de tea.
Desde a administración local apuntan esta iniciativa altruísta pola importante axuda que supón para o Concello. “Todo o agradecemento que lles podamos dar é pouco. Están a dedicar moitas horas cada día para axudarnos. A súa colaboración é fundamental", manifestou o alcalde, Luciano Sobral. Estímase que xa poden confeccionar 200 e que en poucos días grazas ao esforzo destas mulleres, persoal municipal de diferentes áreas poidan dispoñer dunhas 800 máscaras.
Unha vez que se terminan de confeccionar, as máscaras esterilízanse e seguidamente procederase á súa repartición. Este material profiláctico pode ser reutilizado unha vez que se lava a 60 graos de temperatura. A estas máscaras súmase unha remesa de mil unidades que o Concello de Poio encargou á empresa Bien Bonito, do propio municipio. Son achegas que supoñen que Policía Local, persoal do Servizo de Axuda no Hogar ou traballadores en servizos de primeira necesidade poidan contar con medios que garantan a súa prevención.