Concello de Vilagarcía e Consorcio concretan o protocolo de coordinación entre os servizos de emerxencias e bombeiros
Por Redacción
O protocolo de coordinación entre o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil e do Servizo de Bombeiros quedou establecido este mediodía na reunión celebrada no Concello entre ambas partes. O informe solicitado ao 112 serviu de base para concretar as competencias de actuación de cada servizo a efectos de evitar duplicidades e en prol dunha maior coordinación, quedando establecido que as chamadas por accidentes, incendios ou salvamentos deberán trasladarse ao 112 que será quen determine e dea aviso aos efectivos a intervir en cada caso.
O alcalde, Tomás Fole, presidiu a reunión á que asistiron o xerente do Consorcio do Bombeiros, Juan José González; o edil de Seguridade Cidadá, Benito Pérez Dorgambide, a xefa de departamento de Matinsa, empresa concesionaria so servizo de bombeiros; así como os responsables e representantes dos traballadores de Emerxencias e Bombeiros.
En función do apuntado polo 112 no documento solicitado dende o Concello para aclarar as dúbidas respecto ao protocolo de actuación nos casos de emerxencias, rexedor asinará unha resolución da Alcaldía na que se recollerá o mandato de que Policía e Emerxencias deberán remitir ao 112 todas aquelas chamadas que reciban sobre casos de accidentes, incendios ou salvamento. Ata o de agora, o protocolo que se seguía no Concello rexíase por unha Resolución da Alcaldía na que se establecía que todos os avisos que recibise a Policía deberían remitirse ao Servizo Municipal de Emerxencias, independentemente da causística das mesmas.
A reunión serviu para avanzar nos aspectos de coordinación do Servizo Municipal de Emerxencias e do de Bombeiros, e dadas as características especiais de Vilagarcía, ámbalas dúas partes recoñeceron a necesidade de continuar mantendo este tipo de contactos para incidir nunha maior eficacia da asistencia ás emerxencias por parte dos profesionais dos dous servizos. Cómpre salientar que, a diferencia dos demais concellos da bisbarra nos que opera o Consorcio de Bombeiros, está obrigada por lei a dispor de Servizo Municipal de Emerxencias por tratarse dun municipio de máis de 20.000 habitantes. Esta circunstancia fai que no municipio operen os dous servizos, de aí que en ocasións poidan xurdir dúbidas sobre as competencias ou funcións de cada un deles.
Ademais de concretar o protocolo de actuación, a reunión deste martes serviu para que os responsables de ámbolos dous servizos acordaran dar un paso máis de cara a mellorar aínda máis a súa coordinación. A maiores do protocolo xeral xa mencionado, Emerxencias e Bombeiros acordaron elaborar protocolos internos para regular e coordinar o funcionamento en tódolos casos posibles. A boa disposición e as gañas de colaborar quedaron patentes ademais coa proposta de manter reunións periódicas e de facer simulacros conxuntos para mellorar a eficacia e a coordinación en todo tipo de operativos a realizar no municipio.
Tanto os responsables do Concello como do Consorcio de Bombeiros amosaron a súa satisfacción polo resultado da reunión e incidiron en que a posta en marcha das medidas acordadas servirá para mellorar a calidade da atención de emerxencias que ámbolos dous servizos prestan á cidadanía de Vilagarcía, un traballo profesional que xa se viña realizando con completas garantías e que agora se verá mellorado a través dunha maior coordinación e colaboración.