A Policía Local de Marín intensifica a vixilancia tras sumar xa 35 denuncias por incumprir o estado de alarma
Por Natalia Puga
A Policía Local de Marín tramitou xa 35 denuncias por incumprir as normas de confinamento desde que se decretou o estado de alarma hai dúas semanas e, co obxectivo de que o número non se incremente durante os próximos 15 días, anuncia que intensificarán a vixilancia.
Así, anuncian que farán máis controis e que serán "moi rectos" coa aplicación do estado de alarma e tramitarán as denuncias correspondentes cando se dean situacións denunciables en calquera punto da localidade, tanto no centro urbano como nas parroquias.
Lanzan un aviso a navegantes ante a chegada da fin de semana e os días de bo tempo, pois "a propagación do virus non entende nin de calendarios nin de climatoloxía".
O Corpo policial lembra que a loita contra o coronavirus é unha tarefa de todos, "unha obriga como sociedade na que nos toca ser responsables, cívicos e cumprir con todas as medidas que se nos esixiron" para frear a curva, evitar novos contaxios e non colapsar o sistema sanitario.
"O confinamento é a ferramenta máis eficaz que temos para iso", insisten, e fan un chamamento á cidadanía para que quede en casa "aínda que despois de 15 días nela se nos faga máis pesado.
O chamamento policial pide á cidadanía que non lle reste importancia á pandemia e ao perigo que supón para a saúde pública e lembra que se debe "reducir ao mínimo imprescindible" as saídas á rúa e que "sempre teñan unha xustificación razoable e de peso". "Se non o facemos, expoñémonos todos e, á súa vez, expoñemos aos nosos seres queridos e aos doutras familias", engaden.
Relacionadas:
-
Marín suma 70 multas e a Policía incrementará o control das saídas inxustificadas
Por Oskar Viéitez |
-
Servizos Sociais de Marín contactou con máis de 600 anciáns para coñecer a súa situación durante o confinamento
Por Redacción |
-
Marín tramita tres novas denuncias e a alcaldesa pide colaboración por estar "no peor momento" da pandemia
Por Redacción |
-
Multados por ir tres persoas nun mesmo coche
Por Oskar Viéitez |