O Concello de Sanxenxo ordena elaborar plans de tesouraría para reducir o prazo de pagamento a provedores
Por Redacción
A Concellaría de Economía e Facenda do Concello de Sanxenxo ordenou aos servizos municipais a elaboración dos plans de tesouraría co obxectivo de avanzar no cumprimento do novo marco normativo sobre o pagamento a provedores, establecido en 30 días, e eliminar desta forma os intereses de demora.
Así confirmouno o edil responsable desta área, Marcos Guisasola, ao Pleno da Corporación deste luns onde deu conta do informe explicativo de seguimento do Plan de Axuste do Concello de Sanxenxo.
O documento redactado polo Interventor Xeral confirma a redución de custos de persoal en 341.353,89 euros, a pesar de incrementar neste exercicio o complemento específico da Policía local e do departamento de Emerxencias, e subrogar o persoal de limpeza e conserxarías de centros públicos. A supresión de servizos externalizados como a asesoría xurídica en materia de responsabilidade patrimonial e a de urbanismo -que será efectiva en 2014-, ademais de asumir mediante xestión propia a limpeza e consellaría de edificios públicos son outras das medidas xa efectuadas.
O Goberno local eliminou tamén a subvención aos grupos políticos con representación municipal e reduciu a contía derivada da prestación de servizos de carácter non obrigatorio, como son as festas populares.
O texto de Intervención ratifica así mesmo que se cumpriron con carácter xeral as medidas de restrición á hora de elaborar o presuposto, non incluíndo as subvencións que o Concello de Sanxenxo percibirá doutras administracións. Á súa vez, as contas para este ano inclúen unha dotación maximalista con respecto aos dereitos de dubidoso cobramento, contabilidade que podería ser rebaixada nun mínimo do 30%.
En canto á débeda financeira, o Executivo municipal non concertou novas operacións a longo prazo dende 2010 e os compromisos anteriores estanse a diminuír a un ritmo aproximado dun millón de euros ao ano, ao tempo que foron amortizadas totalmente as cantidades pendentes a curto prazo a 31 de decembro de 2012.
Ademais, o Interventor xeral fai fincapé no seu informe no feito de que en 2013 se suprimise por enteiro o gasto extraxudicial "polo que de confirmarse co fin de exercicio sería unha grande adopción de medida financeira e xestión, indispensable para saneamento".
En canto ás accións incluídas no Plan de Axuste relacionadas cos ingresos, a Administración local solicitou á Xerencia do Catastro un novo Relatorio de Valores do IBI, taxa que se incrementou como consecuencia da suba de tipos de gravame ordenada polo Goberno de España a través do Real Decreto Lei 20/2011. Á súa vez, o Concello de Sanxenxo liquidou a empresa pública que xestiona o Porto Deportivo a cantidade correspondente ao Imposto de Bens Inmobles, que non fora aboada dende 2006.
O informe recorda así mesmo que se está a levar a cabo unha inspección tributaria do IBI por parte da Deputación de Pontevedra, que se reforzou a eficacia da recadación e que se reduciu o déficit dos servizos que se financian mediante taxas ou prezos públicos nun 15%.