O pleno de Vilagarcía só trata os temas urxentes debido ao loito polo accidente de Santiago
Por Aitana Vidal
O funeral en memoria das vítimas do accidente ferroviario de Santiago marcou o desenvolvemento do pleno deste luns 29 pola tarde. O voceiro de Esquerda Unida, Juan Fajardo, solicitou a suspensión pero finalmente decidiuse abordar os puntos máis urxentes na orde do día, tras gardar un minuto de silencio polos falecementos na traxedia de Angrois.
Desta forma, o Partido Popular e IVIL votaron a favor da decisión de retraer doutras partidas presupostarias 71.000 euros para destinalos a Emerxencia Social debido ao incremento de solicitudes de axudas. Segundo a concelleira de Benestar, Elena Suárez, recoñeceu que o presuposto formulado para 2013 de 230.000 euros para este servizo se quedou curto e a crise desencadeou un aumento de demandas de axudas para a adquisición de, entre outros produtos, leite ou cueiros. A mediados de 2013 xa se rexistraron 294 solicitudes fronte ás 345 reclamadas durante o ano pasado.
O PSOE, BNG e IU abstivéronse alegando que, cando se aprobaran os presupostos do Concello, presentaran unha emenda para reclamar un incremento da partida para Emerxencias. Os tres partidos incidiron na grave situación que viven cada vez máis cidadáns de Vilagarcía e criticaron que ese incremento para o servizo de Emerxencias saia, polo menos nun 20%, de partidas de persoal do Concello. Ademais consideran insuficiente o aumento presupostario porque, segundo Juan Fajardo de IU, actualmente 9.000 persoas se encontran en perigo de exclusión social no concello gobernado por Tomás Fole.