Rabuña e arranca un pendente a unha dependenta que lle impediu roubar nun supermercado
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional pertencentes á Comisaría Provincial de Pontevedra procederon á identificación e detención dunha muller, natural de Ourense, de 23 anos de idade, con antecedentes policiais, como presunta autora dun delito de roubo con violencia.
Os feitos sucederon sobre as 21:05 horas do día 27 de xullo, cando se recibiu unha chamada na central da Policía Nacional de Pontevedra na que se alertaba da presenza dunha muller nun supermercado da Avenida de Vigo que tras subtraer mercadoría tería agredido a unha das empregadas.
Ao lugar desprazáronse inmediatamente varias dotacións en servizo da Policía Nacional de Pontevedra, que á súa chegada e tras entrevistarse coa empregada descubriron que instantes antes unha muller accedera ao local e subtraera diversa mercadoría que tería tratado de ocultar no bolso que portaba.
Cando a empregada que nese momento atendía a unha clienta se decatou do acontecido tratou de interceptala na porta se ben comezou a propinarlle empuxóns e puñazos para tratar de fuxir do lugar chegando a rabuñar na cara e o colo a traballadora, producíndose un forcexo entre ambas as dúas durante o cal tras un agarrón lle rompeu o xersei que levaba posto e lle arrancou un pendente, sendo atendida posteriormente das feridas.
Esta muller finalmente foi interceptada polos axentes que procederon á súa identificación e detención por un presunto delito de roubo con violencia. A mercadoría subtraída tiña un valor de 42 euros. Unha vez tramitado o correspondente atestado policial, a detida foi posta a disposición do Xulgado de Garda de Pontevedra.