Sanidade confirma catro positivos por coronavirus en Pontevedra, dous hospitalizados e dous illados na casa
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este xoves que na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés hai catro pacientes que deron positivo por coronavirus. Tan só un deses positivos foi confirmado polo Centro Nacional de Microbiología de Majadahonda.
Con todo, os catro deron positivo nas analíticas realizadas polo Servizo Galego de Saúde e Feijóo deu a coñecer este xoves que van dar todos eses positivos como confirmados definitivos, pois se contrastou a fiabilidade das análises realizadas en Galicia e, desta forma, libérase a carga de traballo que estaba a pesar sobre o centro madrileño, a onde se remitían probas de toda España.
En toda Galicia hai este xoves 64 confirmados. No caso de Pontevedra, dos catro pacientes, dous atópanse ingresados e illados no Hospital Montecelo e outros dous están en illamento no seu domicilio.
En Montecelo está o primeiro positivo confirmado da área sanitaria, un home de 45 anos que, polo seu traballo como transportistas, acudiu a Madrid. A pesar de que o primeiro positivo no Sergas detectouse o domingo pola tarde, a confirmación de Majadahonda non chegou ata este mércores, dous días e medio despois. Con esta nova medida de que as análises do Sergas serán xa definitivos, non volverá suceder.
O outro paciente ingresado en Montecelo é un home de 80 anos de orixe madrileña que acudiu a Pontevedra a un balneario. En canto aos dous pacientes en illamento domiciliario, trátase dunha facultativa da área sanitaria e a súa parella. Ademais, habería que sumar á ex presidenta do Congreso, Ana Pastor, que non figura nesta listaxe e se atopa illada en Pontevedra.
Feijóo confirmou estes datos na súa segunda comparecencia deste xoves, na que anunciou que o Diario Oficial de Galicia publicará este venres as medidas acordadas pola Xunta de Galicia para tentar frear o avance do coronavirus. Ás xa confirmadas de peche dos centros educativos a partir do luns 16 súmanse outras como a suspensión de actividades en centros sociocomunitarios, centros de día, centros ocupacións, ludotecas e espazos infantís, residencias tempo libre ou albergues.
Ademais, lembrou que se limitou as visitas a residencias e recoméndase non facer actos conxuntos no seu interior, evitando aglomeracións.
O presidente da Xunta tamén desaconsellou utilizar o transporte público e as estacións a persoas vulnerables a infeccións respiratorias ou que presenten posibilidades de infección, así como a mulleres embarazadas.
En relación cos espectáculos públicos e recreativos, quedan suspendidas as actividades para máis de 500 persoas e por baixo dese límite poderanse celebrar sempre que non se supere un terzo do aforo máximo do local. Non afecta a lugares con aforo de menos de 50 persoas.
Nos espazos abertos ao aire libre, quedan suspendidos os actos que concentren a máis de 1.000 persoas, entre eles mercadiños, concertos ou feiras.
Relacionadas:
-
Oito novos positivos na área sanitaria, que ten 26 pacientes confirmados de coronavirus
Por Natalia Puga |
-
Primeiro falecemento por coronavirus en Pontevedra: un home de 81 anos con múltiples patoloxías
Por Natalia Puga |
-
Decretan a suspensión dos mercados de venda ambulante e pechan os parques infantís de Pontevedra
Por Redacción |
-
Os casos confirmados de coronavirus duplícanse nun día e ascenden a once na área sanitaria de Pontevedra
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Pablo Novas, edil de Medio Rural en Marín, dá positivo por coronavirus
Por Redacción |
-
A romaría de San Benito de inverno e as festas de Campolongo tamén se suspenden
Por Redacción |
-
Representantes sindicais no Provincial e Montecelo piden á xerencia máis persoal para enfrontarse ao COVID-19
Por Redacción |
-
Consenso na noite de Pontevedra, que pecha para conter o avance do coronavirus
Por Manu Otero & Diego Torrado |
-
O Museo de Pontevedra tamén pecha ata novo aviso polo coronavirus
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra pecha polo coronavirus as súas instalacións deportivas e centros sociocomunitarios
Por Alejandro Espiño |