Os bombeiros do Salnés sufocan un incendio nun restaurante do centro de Cambados
Por Redacción
Arredor das 21:40 horas deste venres 26, iniciábase un incendio na zona da grella do restaurante O Bo Paladar situado no ámbito da Praza de Fefiñáns e a Avenida de Vilagarcía no concello de Cambados.
Ata a zona desprazáronse os Bombeiros do Salnés que apagaron as lapas que se espallaran pola campá extractora e polo falso teito do local. Sobre as 23:15 remataban os traballos de ventilación. Tamén se achegaron ata o lugar operativos de Protección Civil de Cambados e axentes da Policía local.
Segundo informaron os Bombeiros do Salnés, tanto as persoas que se encontraban no interior do establecemento coma os veciños dos edificios próximos tiveron que abandonar as vivendas ante o intenso fume que se produciu na zona. Só unha muller que se atopaba no restaurante viuse afectada por pequenas queimaduras pero non houbo que lamentar lesións de gravidade. Aínda están por determinar as causas polas que se provocaron as lapas.