As condicións laborais das mulleres, a debate na Subdelegación do Goberno
Por Redacción
O salón de actos da Subdelegación do Goberno en Pontevedra acolleu este martes unha Mesa de Debate na que participaron máis de medio centenar de persoas e na que se falou das condicións laborais das mulleres.
Esta iniciativa pioneira nesta administración periférica, serviu para completar as actividades e accións organizadas para a celebración do 8 M, Día Internacional da Muller.
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba foi a encargada de presentar aos compoñentes desta mesa que nesta ocasión contou con Sandra Amézaga, secretaria da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa; o maxistrado do Xulgado do Social nº3 de Pontevedra, Fernando Cabezas e Estefanía Bouzada, Xefa das Dependencias de Traballo e Inmigración da propia subdelegación pontevedresa.
Para iso, Maica Larriba quixo introducir a temática do debate desde os datos recollidos de mercado laboral a nivel provincial, destacando que "en xaneiro de 2020 a contratación de mulleres representou o 46,99 por cento do total de contratos, cifras que seguen demostrando que a contratación é maior para os homes que para as mulleres".
Precisamente en canto a isto, Larriba quixo destacar que as mulleres entre os 45 e 49 anos representan o maior volume de contratos, chegando ao 19,63%. En contraposición o 30% das demandantes de emprego están por encima dos 55 anos.
A subdelegada do Goberno tamén quixo deixar sobre a mesa os datos correspondentes ao nivel de formación. Respecto a iso, Larriba sinalou que "o maior número de contratos por formación referiuse ás mulleres con grao medio de FP (57% do total), Bacharelato (52% do total) e ESO con titulación (42% do total)".
Tamén é importante a referencia ao tipo de relación laboral, sendo os maioritarios os correspondentes coa interinidade, obra ou servizo e os eventuais por mor da produción "que no mes de xaneiro representa a contratación por mor do período de rebaixas no comercio". Ademais, máis do 70% dos contratos realizados a mulleres pertencen ao sector servizos.
Finalmente, Maica Larriba quixo distinguir a nivel da provincia que o 57% da demanda de emprego é de mulleres.
Todos estes aspectos foron a base para o desenvolvemento desta mesa de debate que contou coa análise xurídica e administrativo, ademais de abordar situacións máis específicas como as mulleres inmigrantes ou os colectivos especiais como o marisqueo, tan característicos do ámbito laboral pontevedrés.