Impulso ao proxecto que mellorará a fluidez do tráfico no enlace entre a autovía do Salnés e a PO-504
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou o procedemento de información pública do proxecto de construción e o trámite expropiatorio para unha obra que busca mellorar a capacidade do enlace da Autovía do Salnés coa estrada PO-504, en Sanxenxo.
A actuación, publicada no DOG deste venres, busca a mellora da seguridade viaria no enlace da autovía AG-41 e a vía de alta capacidade VG-4.1 coa PO-504 e busca mellorar a fluidez da circulación en momentos de moita afluencia de tráfico que poden chegan a afectar á citada vía de alta capacidade.
A día de hoxe, os vehículos que proceden da Lanzada en dirección Sanxenxo percorren un ramal de saída de 200 metros de lonxitude, de escasa lonxitude e con falta de fluidez de tráfico pola existencia dunha sinalización de Stop no seu final.
O importe estimado para a execución das obras sitúase nuns 318.000 euros, aos que se engaden preto de 19.000 euros para o pagamento das expropiacións que afecta a 9 fincas.
As persoas interesadas neste proxecto poderán presentar as súas achegas ata o vindeiro día 22 de abril. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: http://bit.ly/38spJs4.
Esta solución é compatible co desdobramento da vía de alta capacidade VG-4.1 previsto na planificación da Xunta.
O proxecto tamén prevé solucións provisionais de tráfico que permitan manter aberto o ramal de saída da VG-4.1 durante a execución das obras, salvo momentos moi puntuais.