Moraña potencia a reciclaxe selectiva e incorpora máis contedores
Por Redacción
O Concello de Moraña redobra a súa aposta pola reciclaxe selectiva de envases lixeiros e plásticos e de papel e cartón e ampliará a rede de contedores amarelos e azuis por todo o municipio.
Na actualidade, os 74 lugares do municipio xa contan, alomenos, cun depósito para a reciclaxe de plásticos e todas as parroquias dispoñen de lugares específicos para papel e cartón.
A alcaldesa, Luisa Piñeiro, mantivo unha xuntanza coa directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, na que lle solicitou novos lotes destes depósitos co obxectivo de darlle continuidade á implantación dos adquiridos a finais de 2018 e durante o pasado exercicio, que permitiron dar cobertura a todo o territorio.
Segundo explicou Luisa Piñeiro, no último ano e medio incorporáronse uns 70 contedores amarelos e o seu obxectivo é amplialos para que estean o máis preto posible do número máximo de vivendas e, deste xeito, facilitarlle a separación aos cidadáns.
Na actualidade prodúcense en Moraña unhas 1.425 toneladas anuais da chamada 'bolsa verde' do lixo orgánico, unha cifra en descenso pola incorporación de 80 familias ao Plan Municipal de Compostaxe e pola redución dos impropios en case un 20% ao longo do último lustro.
Ademais, os plásticos depositados axeitadamente aumentaron un 16%, superando xa os 8 quilogramos por habitante ao ano. No caso do papel e o cartón, a mellora foi aínda máis substancial e alcanzou case o 33% en cinco anos, situándose en 12,6 quilogramos por veciño e exercicio.