Campaña solidaria en memoria de Yanín Búa para recadar fondos contra o cancro
Por Redacción
A Asociación Sonríe, en colaboración co Concello de Caldas de Reis e o colectivo local, organiza o vindeiro domingo 8 de marzo a cuarta edición da campaña solidaria en memoria de Yanín Búa para recadar fondos destinados á loita contra o cancro.
O evento celebrarase no patio do colexio La Encarnación a partir das 10:30 horas e contará con multitude de actividades coma andainas, xogos tradicionais, pintacaras e inchables para os cativos, exhibicións de taekwondo, degustacións e unha sesión vermú, ademais da actuación do humorista Víctor Grande.
A participación na andaina requerirá para os adultos dun donativo de 5 euros, así como outro de 10 euros para a entrada ao recinto, deixando gratis o paso aos máis pequenos.
Nesta edición celebraranse sorteos solidarios coa colaboración do tecido comercial e empresarial local mediante rifas, xa postas á venda a prezo de dous euros. Os fondos recadados na campaña irán destinados ao IDS, un grupo de investigación pertencente ao Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, encargado do proxecto de "Estudo Xenómico en Neoplasias Linfoides" e cuxo responsable é o doutor José Luís Bello López.