Un traballador resulta ferido leve ao caer dun camión no porto de Marín
Por Redacción
Un home de 34 anos resultou ferido este mércores nun accidente laboral rexistrado no porto de Marín. O operario estaba a descargar bobinas de aceiro dun camión nas instalacións da empresa Pérez Torres e caeu do vehículo ao chan.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o sinistro produciuse ás 8.40 horas da mañá no peirao de Reboredo e foron alertados a Policía Nacional, o 061 e Protección Civil de Marín.
Fontes policiais indicaron que o operario estaba a descargar un camión e nun momento dado unha das bobinas que manexaba se enganchou cun lado do vehículo. Realizou manobras evasivas para que a peza non lle caese enriba e, cos movementos, botouse cara a atrás e rematou perdendo o equilibrio e caendo do camión.
O home, que responde ás iniciais A.G.G., sufriu un golpe na cabeza e foi trasladado nunha ambulancia asistencia ao Hospital Domínguez de Pontevedra. Ingresou con prognóstico leve.