A prevención de condutas aditivas como o abuso de alcohol e drogas chega aos institutos pontevedreses
Por Redacción
A poboación estudantil de primeiro a cuarto curso da ESO e de ciclos de FP dos institutos da cidade de Pontevedra participará nunha serie de obradoiros de prevención de condutas aditivas que acaba de poñer en marcha a concellería de Benestar Social e que traballarán tanto adiccións a substancias (tabaco, alcohol, cannabis…) como outros comportamentos vencellados ao mal uso das novas tecnoloxías.
Un equipo de educadoras expertas en prevención de condutas aditivas cunha gran bagaxe en traballo grupal encargarase de impartir os talleres ata o vindeiro mes de maio nos IES Frei Martín Sarmiento, Torrente Ballester, Luis Seoane, Valle Inclán, A Xunqueira I e A Xunqueira II; os colexios Calasancio, Sagrado Corazón e Sagrado Corazón de Praceres, e o CIFP A Xunqueira.
Segundo explicou a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, está prevista unha participación duns 2.800 estudantes no programa. Cada grupo de aula recibe unha formación consistente en catro sesións de 50 minutos de duración, adaptadas á súa idade, onde se desmontan mitos e se analizan os patróns de consumo e as estratexias publicitarias das diferentes marcas, afondando nas consecuencias do consumo ou mal uso e reforzando a actitude crítica para facer fronte á presión grupal.
Dentro desta actividade realízanse diferentes concursos para favorecer a implicación do alumnado e tense en conta que a información por si soa non é preventiva, xa que, como sinala a concelleira, "o que se pretende é que non se normalicen certas actitudes.
Este programa de obradoiros de prevención intégrase nas accións que o Concello de Pontevedra desenvolve no eido educativo no marco do Plan Municipal de Prevención de Condutas Aditivas, en colaboración coa Consellería de Sanidade.